Monday 06 de May de 2024

O BNG apoia as demandas da veciñanza e reclamaca cobertura sanitaria en Corrubedo


Membros do BNG ribeirense estiveron hoxe apoiando a multitudinaria manifestación en defensa da Sanidade pública celebrada hoxe en Corrubedo.

A deputada Rosana Pérez, o portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez, a concelleira Cruz Rivadulla, o responsable local Xabier Vidal xunto con outros militantes nacionalistas, estiveron coa veciñanza nunha mobilización histórica para Corrubedo.

Segundo a parlamentaria Pérez Fernández, esíxelle ao Goberno galego dotar a parroquia de médico a tempo completo e deixe de deteriorar o sistema público de saúde precarizando as condicións laborais do persoal e recortando orzamentos. “Estamos padecendo as consecuencias de máis dunha década de recortes. A Sanidade precisa recursos e persoal suficientes” aseverou.

Os nacionalistas cualifican de “insostible” a situación pois en Corrubedo falta médico e en Ribeira faltan 7 profesionais dos 14 que debería ter o centro de saúde. “Pedímoslle ao PP que deixe de xogar coa saúde da xente, retire a pretensión de pechar os centros de saúde do rural e se poña a traballar para garantir unha atención sanitaria de calidade” engaden.

Luís Pérez criticou que o Goberno local estea desaparecido e calado ante un problema tan grave que lle afecta á poboación, “está claro que non están coa veciñanza e demostran que defenden os intereses do PP por riba do ben común da veciñanza de Corrubedo e Ribeira”.

*Batería de iniciativas*
No transcurso da mobilización a parlamentaria avanzou que se rexistrarán inciativas para esixir que haxa médico na parroquia. “É urxente aplicar un plan de choque que permita cubrir o 100% das vacantes de persoal sanitario que garantan o dereito a ter un sistema público de saúde eficaz”.

Por último, Pérez Barral pide dotar a Corrubedo de médico a tempo completo porque evitará que a poboación maior teña que desprazarse ata o “xa colapsado centro de saúde de Ribeira en autobús ou en taxi, supoñendo un gasto económico, ou ben depender doutras persoas para o seu traslado. Estaremos aí ata apoiándoos ata que isto se arranxe” concluíu.